Monday 06 de May de 2024

O Concello denuncia a saturación dos autobuses en horas punta e volve reclamar ampliación de frecuencias


Especialmente nas horas puntas da mañá, as principais liñas de transporte público que atravesan o Concello de Oleiros resultan totalmente insuficientes para atender a demanda existente, ata o punto de que quedan persoas nas paradas sen poder montar nos buses. A nefasta xestión do transporte por parte da Xunta só beneficia economicamente á empresa concesionaria e impide facer do autobús unha alternativa potente para reducir o uso do vehículo privado.

Ante esta situación, o Concello reclamou novamente por escrito á Xunta de Galicia un reforzamento das frecuencias nas horas punta, aportando fotografías tomadas por persoas usuarias nas que se demostra a saturación das liñas. Tamén se volveu solicitar a extensión dalgunhas liñas, como o caso da B-9 ata Lorbé e Dexo, sobre a que a Xunta segue sen responder 4 meses despois.

Cos problemas de mobilidade e tráfico existentes na comarca da Coruña, é insultante que a conselleira Ethel Vázquez exalte as bondades do transporte público mentres sigue sen resolver os problemas reais que soportan os cidadáns que usan o autobús e que frea que moitos outros poidan usalo. Esta mesma conselleira impediu o pasado verán a conexión do bus urbano 1-A da Coruña ata Santa Cristina e ten paralizada a vía Ártabra sen previsión algunha de reinicio das obras.